Bitácora de noticias e opinións sobre a actualidade de Carballo

viernes, noviembre 09, 2007

Barreiras


Oportuno seminario o que se vai celebrar o vindeiro día 16 no Pazo da Cultura. "Accesibilidade Universal: Municipios para todos" está organizado por Meigalicia e por Predif "Plataforma Representativa de Discapacitados Físicos", e ten coma obxectivo analizar e crear conciencia sobor do polémico asunto das barreiras arquitectónicas para discapacitados. Para iso vai recorrer a unha proba que xa fora aplicada con éxito en encontros similares: poñer en práctica a vida diaria dunha persoa con problemas de movilidade. Arquitectos, sociólogos e técnicos de Vodafone participaran nunha xornada gratuita para a que vos podedes inscribir nos teléfonos 981706163 e 646529993.

E diciamos que o seminario era oportuno porque precisamente nestas datas estamos a vivir en Carballo o problema dos rapaces "motóricos" que estudan no colexio San Luis Romero. O pasado luns as nais afectadas concentráronse por primeira vez diante do centro para protestar por unha situación que unha delas explicaba moi ben: onde o ano pasado había dous taxis para levar ós rapaces, agora hai só un, supostamente "adaptado" pero que presenta deficiencias, e que precisa facer dúas viaxes para levar a tódolos nenos, co que algúns deles sempre chegan unha hora tarde.

Está visto que cando se fala de aumentar o gasto social e invertir en ensino público, coma sempre unha cousa é predicar e outra ben distinto dar trigo. E ante barreiras coma esta, nin sequera o proverbial "don de palabra" dos nosos gobernantes serve para solucionar problemas.



 
eXTReMe Tracker
Enlace ó noso arquivo RSS Feedburner