Bitácora de noticias e opinións sobre a actualidade de Carballo

martes, marzo 25, 2008

Detrás das vallas da visita


Nova entrega deste noso seguimiento-denuncia da realidade que se agocha trala publicidade oficial, e que tristemente a meirande parte dos medios de comunicación semellan non estar interesados en reflexar. Desta volta facémolo cun exemplo recente e que fala por si só, a visita que onte realizaba a Carballo o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, a primeira oficial do seu mandato.

Case tres anos tivemos que agardar os carballeses a que Touriño acudise ó décimo concello de Galicia, pero lonxe de merecer algunha pequena censura, o percorrido bergantiñán do líder socialista pode ser calificada de apoteósica se atendemos ás noticias. O presidente foi recibido con toda solemnidade por Evencio Ferrero e José Antonio Viña, na presenza dos demais membros da corporación, e xuntos fixeron un repaso polos principais proxectos en marcha ou en preparación para a nosa cidade. Destacou a vía de alta capacidade Carballo-Berdoias, que no día de hoxe celebra a mesa de negociación para elexir entre as nove ofertas presentadas por distintas empresas. Se hai meses o goberno aseguraba que a vía sería unha autovía dende o principio, sen ter que agardar ó ano 2018 porque así figuraba en todas as propostas, Touriño afirma agora que existe esa “posibilidade”. Tamén se falou do polígono industrial, do saneamento da costa ou das reclamacións de Ferrero para mellorar as conexións con Santiago ou con Punta Langosteira.

Sen embargo, semella que non se falou nada da última fase da travesía (que leva 3 anos esquecida), nin das travesías de Malpica, Sísamo ou Santiago, nin da paralización da circunvalación, nin dos retrasos de máis de dous anos no propio polígono, na propia vía de alta capacidade (da que se prometeu que estaría licitada no 2007), no saneamento da costa, nas obras da ponte da Casilla, etc, etc, etc. E a pesares de ser temas que coñece perfectamente, semella que nin tan sequera Evencio Ferrero lle lembrou ó presidente da Xunta a reclamación do hospital comarcal nin o compromiso de anular ou cando menos reducir a peaxe da A-55. E tampouco agarden que os nosos esforzados e comprometidos xornalistas locais o fagan. Porque todas estas cousas, e moitas máis, están detrás das vallas, e a publicidade é demasiado bonita e apetecible como para mirar máis aló.





 
eXTReMe Tracker
Enlace ó noso arquivo RSS Feedburner