Bitácora de noticias e opinións sobre a actualidade de Carballo

viernes, abril 11, 2008

O adestrador inverso




“Cando se gaña, gañan os xogadores. Cando se perde, perde o adestrador”

Non hai inimigo pequeno, o fútbol é así, hai que ir partido a partido… todas estas son frases tópicas do deporte rei que todos temos escoitados milleiros de veces en insufribles roldas de prensa, mais a que hoxe nos ven ó pelo é xustamente a que destacamos entre comiñas. Cunha diferencia: trátase dunha frase que se debería aplicar ó revés.

Estamos a falar, como non, do asunto do mercado municipal e do parking soterrado da praza do Concello. Porque Evencio Ferrero ven de regresar das súas viaxes de cabalería e faino cunhas declaracións breves pero significativas. Nunha segunda fase das súas andanzas, e acompañado nesta ocasión por Sancho Viña, o inxenioso hidalgo visitou a vila e corte de Madrid, onde tivo a oportunidade de saudar ó lendario cabaleiro Jorquera, coñecer o Castelo dos Deputados, e mesmo intercambiar unha verbas co seu príncipe, un sombranceiro bonhome nacido nun lugar da Mancha de cuxo nome non quero lembrarme.

Mais entre as labores e traballos de don Evencio tamén figurou unha entrevista con MERCASA, que curiosamente versou sobre un único asunto: a situación dos actuais concesionarios da praza carballesa. Tanto Ferrero coma Viña fan fincapé hoxe na prensa local en destacar que a participación dos placeiros, e ata donde estean dispostos a implicarse (é dicir, pagar), será a clave para que o proxecto saia adiante. E ben certo que razón non lle falta ó goberno local, mais tendo en conta a espectacular campaña de imaxe e autoatribución de méritos que sempre acompaña ó alcalde nacionalista, e tendo en conta as declaracións e feitos antecedentes, moito nos tememos que os tiros irán por outro lado, e que tarde ou temprano terminaremos escoitando:

“Se o proxecto sae, será mérito do alcalde. Se non sae, será culpa dos placeiros”.
Ó tempo.

 
eXTReMe Tracker
Enlace ó noso arquivo RSS Feedburner