Bitácora de noticias e opinións sobre a actualidade de Carballo

miércoles, julio 02, 2008

A contracorrente



Transcribimos a continuación as interesantes reflexións dun comentarista anónimo (non estaría mal que adoptaras un nick, máis que nada para poder chamarche dalgunha forma) ao post Carballo rojigualda:

Pensamento único

Quizais non sexa un bo día para este comentario, ou quizais sexa o día. Nadar contra a corrente pode considerarse un suicidio, mais no dialéctico debe considerarse un deber se non queremos quedar subsumidos no pensamento único, posto que “a corrente” (se entendemos como tal o aparello mediático sementador de opinión) camiña sempre no mesmo sentido da marcha, aínda que unhas veces, como é o caso, o faga cunha virulencia esaxerada. Falemos, entón, de fútbol, e de como algo tan banal se converte en santo e seña, arma violenta e arroxadiza do españolismo máis furibundo.

No futbolístico pouco hai que comentar, porque sobra quen o faga. Pódese dicir, e quizais sexa certo, que España é xusta campiona. Futbolisticamente falando, só Holanda fixo un fútbol parello, e despois esnafrouse nun mal partido contra Rusia. Pero non, non imos falar aquí de fútbol, cando menos non imos entrar en análises dos partidos, tácticas e demais.


Tampouco se quere hoxe afondar no debate e/ou conflito identitario, xa que iso é en parte razón de ser deste blogue, e no todo ou na parte está presente no conxunto dos artigos. Limitémonos a dicir que pediriamos que se entendese que, cando menos, algunha xente consideremos que non temos nada que festexar hoxe. De feito, polo que se ten dito, o máis galego que houbo na “roja” era Fernando Torres, que seica veraneou na Costa da Morte de pequeno porque seu pai era natural de Boqueixón.


Dúas son as cuestións que hoxe se querían tocar aquí principalmente, cal son a sobredimensión do fútbol e o papel dos medios.


No que toca ao primeiro, xa resulta triste, incluso para o estado español, todo este circo. España foi campiona mundial de moitos deportes, por exemplo de baloncesto e non hai moito, e non houbo tal parafernalia. E Galiza aínda recorda a un David Cal que xa gañou de todo en todos lados (olimpiadas, mundiais, europeos) ou a un Óscar Pereiro gañando nin máis nin menos que un Tour de Francia, e non se viu tal romaría de cargos institucionais para correr a felicitalos, nin os miles de minutos nos diferentes medios de comunicación.


En todo caso, que o fútbol está sobredimensionado é algo que non vén de hoxe. Abonda ver que pretendan pagar case 100 millóns de euros polos servizos dun só home para entender facilmente que isto deixou hai tempo de ser un deporte para converterse nun espectáculo mediático.


En canto aos medios, cumpriron á perfección o seu papel, que non é o de informar, senón o de crear opinión, aínda que sexa coa ausencia total de argumentos. Neste caso non eran precisos, chegou unha palabra (”podemos”) e velaí todo o mundo a facer o que se supuña que tiña que facer.


O da emisora titular dos dereitos de emisión da Eurocopa era de agardar, como se dixo isto é un negocio e xogábanse cartos, polo cal é lexítimo que tentasen sacar o máximo partido da súa compra. Aínda así, semella pouco discutíbel afirmarmos que se acadaron graos de patetismo poucas veces vistos: repetiron até catro veces seguidas (en apenas un minuto) a imaxe do “principiño” abrazándose a Leticia no festexo dun gol; repetiron a dúas e a tres veces partidos enteiros do campionato nos que xogaba a selección; os goles foron emitidos un número incontábel de veces; as previas duraron horas e horas (anda que non hai cousas das que informar no planeta…). En fin, que Franco, promovendo a formación do “espírito nacional” ao lado destes era un principiante. A modo de brincadeira final, recordemos a liorta que se montou aquí dicindo que Quintana quería obrigar a nenos e nenas de apenas un ano a aprender o himno. Máis aló do absurdo desta idea (ningún infante de 1, 2 anos sería quen de tal), agora ninguén se rasgou as vestimentas polas imaxes dun cole austríaco no que lle escribían na pizarra e lles facían repetir en alto a alineación da selección española a un grupo de escolares de non máis de seis ou sete anos. Pero claro, iso entra dentro do circo e polo tanto está permitido.


Máis aló de Cuatro, o escenario non cambiou. É paradoxal que, a pesares de estarlle facendo campaña á competencia publicitando partidos que retransmitía outra canle, o nivel de patetismo aquí chegase tamén a límites insospeitados, pois o resto de medios non tiñan necesidade. Ver a xornalistas do corazón facer análises de partidos sen teren, a maioría, o máis mínimo coñecemento do deporte en cuestión, ou ver a profesionais de caché axitando bandeiriñas (caso, por exemplo, da presentadora do telexornal de A3 do mediodía do domingo) revelan até que punto os medios de comunicación decidiron deixar de informar para convertérense e sumáronse á masa forofa cal Manolo do bombo. E é paradoxal e triste que unha unidade dos medios que non se conseguiu, por exemplo, na defensa da paz (hai que recordar posturas ben dispares, por exemplo, nos ataques ianquis a Iraque), se consiga por algo tan “importante” como o fútbol.


O fanatismo ou forofismo desatado darredor desta Eurocopa permítenos facernos algunhas preguntas: quen reclamaron con tanta insistencia coñecer as facturas da promoción cultural galega en Cuba, reclamarán agora tamén as facturas da numerosa delegación que se foi de paseo a Austria, dende El-Rei (non Elvis, o outro) até ZP, pasando por medio goberno do Estado? Quen se preguntaban non hai moito polos custes que tiña a organización dos partidos das seleccións galegas non se van interesar sequera un chisquiño polo que se ha de pagar en concepto de primas a profesionais que xa cobran uns salarios de vergonza? Quen, no eido local, poñen o berro no ceo polos custes das dedicacións exclusivas da clase política, non van preguntar sequera un algo polo esforzo económico que calquera mínimo concello fixo para colocar pantallas xigantes en mil recantos? Ou é que cando se trata da formación do espírito nacional todo iso xa non importa?

A tolerancia que se ten con quen monta o circo, témola con quen acode ao espectáculo. A xente prefire ser masa, moitas veces dá igual o que se festexe, a xente é feliz facendo festa, e iso dá lugar a que na xeografía do estado haxa festas do máis diverso sen que iso signifique que nos teñamos que identificar con elas: dende tirar unha cabra dun campanario até peregrinar a diversos santuarios en honra dunha mesma virxe que seguramente nunca pisou estas terras. Pero dános igual. Gústanos a festa, e quen non está coa masa asume que a masa ten dereito a facer festa.


Por iso, cando normalmente montariamos un escándalo no noso respectivo consistorio polo ruido da zona de ocio veciña, nestas ocasións aceptamos con naturalidade que a xente ande facendo barullo ás tantas da mañá aínda que o día seguinte sexa luns. Por iso, cando normalmente se vemos alguén tocando o claxon do coche na rúa nos irritamos, nestas cuestións admitimos que calquera rúa se vexa inundada polo balbordo dunha morea de entusiastas. Por iso, cando normalmente considerariamos un espectáculo lamentábel ver a un grupo de xente bañándose nunha praza pública e o relacionariamos cun forte estado de embriaguez, agora vemos iso como un normal acto entre xente contenta.


Somos así. Gustamos de ser masa, e nestes tempos, pensar, ir a contra corrente, non está moi ben visto. Quen non temos nada que festexar contentámonos con que isto pasará e a normalidade voltará. Quedan uns días en que seguirán repetíndonos goles, pasearán o título polos máis diversos santuarios e institucións oficiais e, á volta diso, tocará volver a falar do prezo do petróleo, do paro, da Europa que camiña ou non… Volveremos a pensar, aínda que só sexa un chisquiño.




Etiquetas:

4 Comments:

Anonymous Anónimo said...

"non estaría mal que adoptaras un nick, máis que nada para poder chamarche dalgunha forma"

Xa preguntara nun comentario anterior a forma de facelo, pero non se me contestou. Se queredes e podedes facelo, dicídemo como fago ou con que mail contacto, e así o farei.

3/7/08 07:38

 
Anonymous Anónimo said...

Publicado en Vieiros

O Euro 2008 e os exaltados nom-nacionalistas

Levamos anos a escuitar nos seus meios de comunicaçom, aos seus líderes políticos e de opiniom, dizer que o nacionalismo é cousa péssima, que se cura viajando e que retrata pessoas fechadas, intolerantes e excludentes, que por essa via chegam à violência e conduzem os países ao desastre.

Eles, os proprietários da ‘naçom de cidadaos livres e iguais’ som, dim-nos, os ‘nom-nacionalistas’. Os ‘simétricos’. Som cidadaos ‘normais’, que falam a língua ‘comum’ e votam nos partidos ‘nacionais’. Os ‘democratas de toda a vida’ que nom olham os erres agás dos vizinhos (desde que nom sejam esfarrapados sem-papéis, entenda-se).

E agora, de repente, a selecçom de futebol, o desporto-rei do Estado monárquico hegemónico na Península, ganha o Euro 2008. Onde ficárom a racionalidade e o cosmopolitismo dos nom-nacionalistas? Onde ficárom, de facto, os nom-nacionalistas?

A orgia patrioteira que padecemos nestes dias, além da vomitiva exaltaçom dos símbolos fascistas que sustentam o actual regime –rojigualda, águia, touro e demais atributos de viril chauvinismo– deu cabo do discurso aquele de ‘o importante som as pessoas, nom os territórios’. O nacionalismo mais rançoso e reaccionário, esse que sempre foi o espanhol, mostra o seu rosto medonho, aproveitando, como sempre fai, a mais mínima conjuntura social, política ou, como agora, desportiva para se afirmar, fazendo boa a máxima do ‘di-me de que presumes e eu digo-te de que careces’.

Nom entraremos –dava para umha reflexom à parte– na mais triste das reacçons à vitória desportiva espanhola: a dos súbditos galegos que assumem o seu papel de ‘espanhóis de quarta classe’, como o ferrolano Guerra da Cal chamava a esses que nestes dias presumem de ser ‘gallegos con eñe’.

Que as naçons oprimidas como a nossa se afirmem, revindicando o seu direito à existência é algo nom só legítimo, mas necessário para quem defende o pluralismo e a diferença como inerentes às sociedades humanas. Nada que ver com essa maré uniformizadora rojigualda que nos abafa, que só aspira a fumigar qualquer identidade que tente existir à margem dos parámetros historicistas do etnicismo nacionalista espanhol. Historicista, sim, porque pretende fundar a sua naçom em Atapuerca; etnicista, também, porque nega aos povos o democrático exercício do direito de autodeterminaçom em funçom das essências superiores e inquestionáveis impostas na sua Carta Magna.

A partir do espectáculo destes dias, cabe perguntarmos: continuarám a autodenominar-se os nacionalistas espanhóis, com total descaramento, ‘nom-nacionalistas’? E os nossos neo-regionalistas, continuarám a reconhecer-lhes tal condiçom, em lugar de aplicarem a rigorosa distinçom, assente desde Lenine, entre o nacionalismo expansionista da naçom grande e nacionalismo defensivo da naçom pequena?

Se algo de bom pode ter esta pornográfica exaltaçom espanhola é que ajude a esclarecer, a quem pudesse ter dúvidas, a natureza do ‘projecto Espanha’ em relaçom a nós, galegos e galegas. Em conseqüência, as ilusons co-soberanistas deveriam dar passagem, entre nós, à assunçom de umha imprescindível conclusom: a nossa radical separaçom jurídico-política constitui a única possibilidade de subsistirmos como povo livre e diferenciado.

Mauricio Castro

3/7/08 08:50

 
Blogger Carballo Dixital said...

"Xa preguntara nun comentario anterior a forma de facelo, pero non se me contestou. Se queredes e podedes facelo, dicídemo como fago ou con que mail contacto, e así o farei."

Que eu saiba, tes dúas opcións: 1) Na ventana que se abre para publicar comentarios, pos o teu nick (pinchas en "Nombre/URL", e pos o nick); 2) Ou crear unha conta en Blogger, Wordpress, LiveJournal, etc., pinchas en "OpenID" e publicarás coa identidade que teñas nesa conta.

3/7/08 11:53

 
Anonymous Anónimo said...

Grazas pola aclaración sobre o da identidade para publicar, son un pouco novato.

De agasallo, outro artigo do Vieiros, que hai que ler algo de todo para contrastar.

http://www.vieiros.com/opinions/opinion/477/a-seleccion-comun-ndash-con-maiuscula-ndash

4/7/08 07:28

 

Publicar un comentario

<< Home

 
eXTReMe Tracker
Enlace ó noso arquivo RSS Feedburner