Bitácora de noticias e opinións sobre a actualidade de Carballo

viernes, agosto 29, 2008

Retoques no tráfico

Os problemas do tráfico están entre os máis comentados e socorridos tanto nas páxinas de CD coma nas rúas carballeses. Moitos non acabamos de entender como unha vila de menos de 20.000 habitantes pode acumular tal cantidade de atascos, dificultades para aparcar e toda clase de dificultades circulatorias. E moitos teñen sido os macroanuncios públicos dende o Concello para arranxar este problema, dende os sucesivos "encontros nas 3 fases" de Manuel Andrade ó recentes plans de tráfico do bipartito.

É ben certo que se teñen realizado algunhas melloras e realizado algunhas obras acertadas, coma as rotondas da rúa Sol ou a mellora da Vila de Negreira, pero non é menos certo que se trata de actuacións moi concretas e con efectos moi limitados. A resolución definitiva ou cando menos por moito tempo do tráfico carballés é unha asignatura que os gobernos municipais veñen suspendendo ano tras ano, sempre camuflada co enésimo plan de choque.

Nestas datas o goberno de Evencio Ferrero ven de anunciar a posta en marcha de dúas medidas relativas ó tráfico: a protección dos contenedores con bolardos para impedir que se aparque diante e se impida o acceso ó camión do lixo, e disposición de aparcamentos para bicicletas en diversos puntos da vila. Xustifica esta medida o do BNG con que cada vez desprazarse en coche é máis caro e complicado. E por suposto que temos que aplaudir as medidas, que coma sempre, gozaron de ampla difusión e boato na prensa local. Ben está que exista orde para a recollida do lixo, e ben está que aqueles que poidan nas circunstancias que poidan opten por outros medios máis sinxelos e ecolóxicos. Mais non podemos evitar sinalar que se estas son todas as medidas que o goberno local pode tomar no tema, e se a solución é ter que deixar o coche pola bicicleta, non facían falta tantas alforxas para esta viaxe. Agardamos algo máis, agardamos solucións concretas, e recordamos que a maioría dos carballeses non pode desprazarse da casa ó traballo en bicicleta, nin moito menos facer a compra, que é para o que maioritariamente se emprega o coche.






1 Comments:

Anonymous Anónimo said...

Non creo que sexa para tanto.
É certo que non hai Ordenanza de tráfico, e tampouco se coñece ningún plan de tráfico de cara ó futuro.
Pero hai unha Ordenanza de Cargas e descargas e de paradas de buses. Si, xa sei que ainda non se puxeron en marcha, ninguén dixo que a vida era doada.
Hai que darlles tempo, non levan máis que cinco anos no poder.
Con outros sete anos máis xa serán capaces de facelo mesmo peor que o PP.
É lamentable, pero esto é o que votamos. Viva a Democracia!!!

29/8/08 22:10

 

Publicar un comentario

<< Home

 
eXTReMe Tracker
Enlace ó noso arquivo RSS Feedburner