Bitácora de noticias e opinións sobre a actualidade de Carballo

lunes, septiembre 22, 2008

Fin de vacacións


A fin de semana informativa tennos deixado ós carballeses a confirmación do fin do verán e o comezo do novo curso. E por qué? Pola liga de fútbol? Non. ¿Polo comezo das clases dos rapaces? Non. Porque arranca Gran Hermano 10? Tampouco. Este domingo liamos na prensa local a incorporación de Manuel Andrade ó debate político despois dunhas longuísimas vacacións que superaron amplamente ó letargo estival do PP.

O asunto que deu pé ó portavoz do TEGA para saír á palestra neste mes de setembro foi o do proxecto do saneamento que debería chegar a Entrecruces e que finalmente semella que será desviado en dirección a Coristanco. E como non podía ser doutro xeito, o máis veterano e singular dos políticos da Costa da Morte deixou algunha desas marabillosas perlas que tanto desfrutamos en CD: recolleron 60 firmas para apoiar a súa inicitiva, "que puideron ser máis, pero paramos aí". Olé.

Mais o asunto en cuestión case que queda en segundo plano. A noticia en sí (boa para o noso blog, quén sabe se boa para Carballo) é o enésimo retorno dun político ó que tantas veces deron (e demos) por morto. Un político que, despois de ser o xubilado mellor pagado da historia de Carballo, pasou agora a ser (como logramos saber logo dunha longuísima polémica) o concelleiro opositor mellor pagado da historia de Carballo, superando mesmo a concelleiros con adicación exclusiva do goberno. Por iso nos alegra tanto a nós, porque ademais de garantirnos sabrosos contidos nos nosos posts, cando menos xustifica parte dos igualmente sabrosos honorarios que, pese a non formar parte do goberno e apenas execer de oposición, todos os carballeses lle pagamos. A ver se cunde.



Etiquetas:

 
eXTReMe Tracker
Enlace ó noso arquivo RSS Feedburner