Bitácora de noticias e opinións sobre a actualidade de Carballo

viernes, julio 10, 2009

Bule, bule


Non é unha homenaxe a un histórico local carballés, é unha forma de profundizar na nosa reflexión de hai unha semana en “Deprisa, deprisa”. Xa daquela nos chamaba a atención o contraste entre a paciencia coa que o goberno local de Carballo levara durante 6 anos a revisión do Plan Xeral de Ordenación Municipal, e as premura que agora o alcalde reclamaba á Xunta de Galicia para emitir o seu informe.

O caso é que as presas que de súpeto acucian ó goberno local no tocante ó urbanismo non son un caso aillado. Lonxe diso, semella que, entre as moitas consecuencias que o cambio de goberno autonómica tivo a nivel local, atopamos todo un cambio de estratexia política por parte de Evencio Ferrero. E dicimos isto porque nos medios locais o primeiro edil ven de facer unhas declaracións nas que urxe que o goberno de Feijoo leve adiante “a urxencia imperiosa de ter un incremento significativo das prazas de educación infantil”, mediante a construcción das dúas garderías previstas en Carballo, para as que o Concello conta cos terreos e coa súa parte económica orzamentada.

Con estas declaracións confírmase unha liña argumental que xa viviramos hai anos en Carballo cando a construcción da segunda fase da travesía (¿u-la terceira?), esto é, cando o PP gobernaba en Santiago: a dun alcalde en permanente, e por momentos belixerante, esixencia coa Xunta, botándolle as culpas dos retrasos e problemas da nosa cidade. Mágoa que Evencio non tivese esa mesma esixencia durante os 4 anos de goberno bipartito nos que teóricamente se poderían ter acadado moitas cousas para Carballo, coma por exemplo esas mesmas dúas garderías, ou esa mesma fase da travesía, que sen embargo agora teremos que reclamar a Feijoo. E coidado. Que ninguén dubide que dende estas páxinas, habémosllas reclamar. Pero por xustiza, non como forma de buscar excusas.



Etiquetas: , , ,

 
eXTReMe Tracker
Enlace ó noso arquivo RSS Feedburner