Bitácora de noticias e opinións sobre a actualidade de Carballo

martes, enero 26, 2010

Crise… non para todos



Este asunto xa se puxera de manifesto en xornadas anteriores e centrou boa parte da sesión plenaria deste luns, tal e como informa A Nosa Costa. Trátase dun feito que pode semellar anecdótico, pero que resulta sorprendente e significativo: preocupado pola crise e para dar unha mostra de austeridade, o alcalde reduciu nun 10% as asignacións que os concelleiros cobran por asistencia (o que afecta fundamentalmente á oposición), mentres que mantivo conxelado o seu soldo e o dos demais concelleiros do goberno con adicación exclusiva. É dicir, que Evencio Ferrero dá mostras de austeridade… cos cartos que cobran os concelleiros dos outros partidos, mentres el segue a cobrar o mesmo.

Un erro político inexplicable que foi loxicamente aproveitado pola oposición. Andrade reclamou unha rebaixa do 3% nos soldos do equipo de goberno, rebaixa que Sueiro solicitou do 10%, recordando que se trata do goberno mellor pagado da historia de Carballo, e que resulta inxusto que non reduza un peso as suas ganancias. Aí foi onde o alcalde perdeu reflexos, pois respostou recordándolle a Andrade que “vostede cobraba máis ca ninguén”, ó que Sueiro non tivo máis que rematar a portería baleira: “Vostede púxolle o soldo ó señor Andrade e por iso foi alcalde, senón non o sería”, “En anos anteriores a vostede parecíanlle moito tres soldos e votaba en contra e agora oito están ben”.

Resumindo, que ó final do pleno Ferrero neguose a reducir o seu soldo nin o dos seu equipo de goberno. Unha actitude que contrasta cos centos de carballeses que están a ir ó paro, a sumar ós que xa levaban meses nel, e cos moitos traballadores que se ven na tesitura de reducir o seu soldo para manter o seu emprego. A nosa conclusión, máis alá duns cantos miles de euros que non amañan ningún presuposto, é que se trata dun evidente sinal de despotismo e de distanzamento do goberno con respecto á realidade que viven seus cidadáns.

Qué fácil é ser xeneroso cos cartos dos demais.



Etiquetas: ,

 
eXTReMe Tracker
Enlace ó noso arquivo RSS Feedburner