Bitácora de noticias e opinións sobre a actualidade de Carballo

martes, febrero 02, 2010

Seguimos pinchando


Non nos referimos á música disco nin a ningún equipo de fútbol. Referímonos á “Ruta do Pincho”, unha iniciativa impulsada por varios locais hosteleiros de Carballo en colaboración co Concello, de ofrecer, en datas determinadas, elaborados pinchos xunto coas habituais consumicións. O evento complétase coa votación dos clientes para elexir ó mellor local e con sorteo varios entre os participantes. A oportunidade será todos os fins de semana de febreiro, e nos intervalos de 13 a 15, e de 20 a 22 horas.

Comenta a prensa local que o éxito da anterior edición celebrada no verán animou ós organizadores a repetir experiencia no inverno, aínda que se somos realistas, o éxito non debeu ser tanto, porque de máis de 16 establecementos hai uns meses pasamos agora a só 11: Habanos 79, A Cabaña, Baños Vellos, Os Mareantes, Xabarín, Rincón de Elías, El Juzgado, O Rincón, Bergantiños, Dublín e Ánfora.

Así que, coma de costume as boas novas traen un cara negativa: mentres en moitos lugares de Galicia ofrecer tapas ós clientes é unha práctica cotiá, que parte sen máis dos empresarios, e que non só fomenta a clientela senón que crea un magnífico ambiente nas rúas, resulta que en Carballo hai que organizar a propósito unha ruta, na que se as tapas se ofrecen un mes determinado, en días determinados, e en horario determinado, e aínda así, cada vez son menos os que se apuntan. Non somos expertos en hostalería, pero semella que algo non acaba de funcionar ben, e isto, amigos, non é culpa dos políticos, é de todos nós. Este mes imos seguir pinchando, pero no doble sentido da palabra, positivo e negativo.




Etiquetas: ,

 
eXTReMe Tracker
Enlace ó noso arquivo RSS Feedburner