Bitácora de noticias e opinións sobre a actualidade de Carballo

viernes, abril 23, 2010

Un tren que vai moi lento



A xornada de onte deixábanos unha nova importante pero con sabor agridoce. Na súa visita á nosa comarca, o conselleiro de obras públicas, Agustín Hernández, confirmaba a propósito da Xunta de realizar un estudio para un ferrocarril entre A Coruña e Carballo. Ata aí unha boa nova se temos en conta que se trata da primeira vez que dende as administracións públicas se plantexa en serio unha obra que fora planificada hai un século e da que nunca se chegou a facer nada, quedando tristemente no esquecemento.

A nota negativa radica nos prazos para realizar este estudio, porque o boss xunteiro tamén confirmou que este estudio sería a medio prazo, e non antes, argüíndo como xustificación outras urxencias, e a necesidade de crear para iso un organismo autonómico encargado de xestionar os chamados “camiños de ferro”. Pouca excusa cando non estamos a falar de iniciar obras nin de gastar moreas de millóns, senón simplemente dun estudio de viabilidade que nos diga por onde máis ou menos iría o trazado, canto costaría aproximadamente, e qué impacto económico podería ter na nosa comarca (non fai falta ser moi listo para intuir que moito).

Porque se ben é certo que nin Feijoo nin Hernández nin Sueiro se comprometeron cos seus electores a facer o tren nesta lexislatura, e en efecto falaran simplemente de anteproyectos, non menos certo é que Galicia ten unha débeda importante coa Costa da Morte, a única zona da comunidade que quedou históricamente á marxe das liñas ferroviarias, e que por iso debería estar precisamente á cabeza da lista para incorporarse ós medios de transporte do futuro. Porque se seguimos deixando todo para mañá e para o medio prazo, coma estamos afeitos a escoitar, ó final imos perder outra vez o tren, coma lle pasaba a Buster Keaton, e logo é malo de alcanzar.



Etiquetas: ,

 
eXTReMe Tracker
Enlace ó noso arquivo RSS Feedburner