Bitácora de noticias e opinións sobre a actualidade de Carballo

miércoles, junio 16, 2010

Problemas que se arranxan, problemas que non


Unha de cal e outra de area. Non estamos afeitos en Carballo a que as novas que nos chegan sexan sempre boas, máis ben ó contrario, sobre todo se non contamos as promesas de futuro senón os feitos reais. E esta semana aconteceu de novo.

A boa nova é que a vía de alta capacidade Carballo-Berdoias, tamén chamada autovía da Costa da Morte, deu un paso máis cara adiante, e dos importantes dacordo coas promesas de Feijoo para as nosas comarcas. En concreto trátase da adxudicación do contrato á empresa que vai construir a vía e levar a concesión e explotación da mesma. A gañadora é a UTE liderada por FCC Construcciones, en compañía de Arnela Capital Privado, Francisco Gómez y Cía e Covsa. Seguindo as palabras do presidente da Xunta, antes de rematar o verán deberían de comezar a obras. Agardemos que esta vez sexa de verdade e que non haxa marchas atrás.

A cara negativa está unha vez máis no ensino infantil. Falamos dos cursos de primeiro e segundo, correspondentes ós nenos de 6 e 7 anos, e falamos da parroquia de Berdillo. A consellería de Educación quere o traslado dos de primeiro ó colexio Fogar, porque este centro solo ten prazas para ese curso e non para segundo, mentres que os pais prefiren que se trasladen os de segundo porque son maiores e para non crear moita diferencia de idade nos cursos mixtos da súa parroquia. A partida está enrocada, cos pais decididos a levar a cabo movilizacións, e a Xunta convencida de que non hai alternativa. Para complicar máis as cousas, non está claro que logo haxa sitio para todos estes nenos en terceiro e a directiva do Fogar quéixase do xa elevado tamaño do seu centro e de falta de planificación. E sobre todo neste último punto non lles falta razón. Porque se nos tempos de bonanza, cando corrían os cartos a esgalla, se en lugar de gastar diñeiro en spas nos tiveramos adicado a ver as necesidades educativas do futuro (que se sabían) e tiveramos invertido en construir os colexios necesarios, outro galo había cantar.

Por certo, aproveitamos para adiantar que as augas non baixan nada tranquilas nas obras do mercado de abastos, e nunca mellor dito. Hoxe o BOE víase na obriga de recoller o conflicto que durante días enfrontou ós placeiros da planta baixa coa construcción das obras. O motivo é que na planta sotano, que está a ser acondicionada como mercado provisional, “chove” das plantas superiores cando se baldea para limpar os postos de pescado. Di a prensa que este problema está en vías de solución, pero a nós están a chegarnos rumores de toda clase de desacordos e imprevistos doutro tipo que axiña poden saltar á luz pública. Seguiremos atentos.


Etiquetas: , ,

 
eXTReMe Tracker
Enlace ó noso arquivo RSS Feedburner