Bitácora de noticias e opinións sobre a actualidade de Carballo

viernes, febrero 03, 2012

O motor do mercado non arranca



Cando se acometeu por fin o polémico proxecto de reforma do mercado de abastos de Carballo, a palabra “motor” foi unha das máis utilizadas. Xa o fora antes cando o proxecto era outro completamente distinto e ambicioso, o que tiña por obxecto construir un parking subterráneo na praza do Concello, posteriormente complementado cun novo edificio máis moderno e con máis posibilidades que o actual, que se consideraba irrecuperable. Sen embargo, os sucesivos fracasos destas intentonas deixaron a Evencio Ferrero coa papeleta de facer “algo” co mercado, e ese “algo” foi unha reforma que mudou o rostro do edificio de modo notable, creou un grande e misterioso espacio na planta superior que segue baleiro a día de hoxe, concentrou os postos dos placeiros, e tamén permitiu crear algún novo. Supoñíase que esta obra significaría, máis aló de cuestións estéticas, un notable impulso non só para os concesionarios do recinto, senón tamén para todos os establecementos do seu entorno: o motor que precisaba o comercio carballés.

Sen embargo o resultado non parece ter sido o esperado. Porque xusto ven de celebrarse o concurso para ocupar os novos postos creados coa reforma, e dos doce locais que se ofertaban, tan só se recibiron catro ofertas para seis deles. De forma desglosada, unha mesma persoa ofertou por un posto de frutería e dous locais contiguos, e as outras tres ofertas doutros particulares foron para un posto de pescadería libre e outro de carnicería. Mentres tanto, tres espacios exteriores, outros tantos interiores, seis cámaras frías e cinco almacéns, non mereceron o interese de ninguén.

E aínda que a concelleira do ramo Miragres Lantes recalca os baixos niveis do canon esixido e responsabiliza por completo á crise económica do fracaso do concurso, o certo é que algo non funciona cando un lugar que no que tantos cartos se invertiron, que teóricamente constituía o mellor local de Carballo, e polo que moita xente debería estar puxando, non levanta un interese máis que meramente testimonial. Veremos se cando a economía despegue, o motor empeza a funcionar algo, porque do contrario vimos de gastar os cartos nun Mercedes que nin sequera arranca.


Etiquetas: ,

 
eXTReMe Tracker
Enlace ó noso arquivo RSS Feedburner